Os elementos da comunicación oral: O contido

 

Xa se dixo noutra ocasión que cando nos comunicamos de xeito oral, só unha parte da información que transmitimos chega á persoa coa que falamos a través do significado das nosas palabras, o resto da información achegámola  a través do que os/as receptores/as ven e do que perciben a través da nosa voz. Isto é así porque a comunicación oral establécese grazas ao uso simultáneo do código verbal (a lingua) e o código non verbal (a voz, os xestos…).  

Así pois, podemos dicir que a comunicación oral é a suma de dous elementos: o contido e a transmisión do contido.  

 

O contido

Aínda que se adoita dicir que só o 35% do que percibimos nun acto comunicativo provén do contido,  isto non significa que o que falamos non sexa importante. De feito, cando asistimos a unha conferencia é porque nos interesa o que nos ten que contar a persoa que nos ofrece a charla, non para ver como se move ou como vai vestida. Pola contra, o que significa é que  a transmisión do contido (aquilo que dicimos) resulta máis fácil se nos axudamos dunha boa posta en escena.

Pero ademais, temos que ter en conta que a información que emitimos debe posuír unha serie de requisitos para que sexa percibida máis doadamente polos receptores: a información debe de ser adecuada ao auditorio e non demasiado densa, debemos transmitir o contido de xeito ben organizado e empregar a linguaxe de maneira que nos axude a facilitar a transmisión. Vémolo máis en detalle:

 

1. Pertinencia da información: Hai que ter en conta o auditorio a quen vai dirixida a información; factores como a idade ou os coñecementos previos que teñan as persoas que nos escoitan son importantes, pois non se pode abafar a alguén con razoamentos quen non é quen de comprender, nin con datos que non é quen de reter.  Así pois, debemos facer unha selección da información para que esta sexa adecuada ás circunstancias do acto comunicativo ao que nos enfrontemos.


2. Densidade informativa: É importante termos en conta que nunha exposición oral non podemos asimilar a mesma cantidade de información que nunha exposición escrita, onde existe a posibilidade de reler varias veces o texto para captar o significado ou buscar determinados conceptos que nos resulten descoñecidos… Por iso debemos procurar que os textos orais resulten amenos e fáciles de asimilar para quen nos escoita, xa que un discurso sobrecargado de información pode ser pesado e facer que o oínte desconecte. Para conseguilo é importante o seguinte:

  • Alixeirar a carga informativa.

  • Repetir palabras ou frases para resaltar unha idea.

  • Usar marcadores de importancia para que quen escoita se decate da relevancia do que se vai dicir; por exemplo: É moi importante que quede clara a diferenza entre…, isto é fundamental porque...

  • Remarcar coa entoación e as pausas o máis importante.


3. Organización da información: Unha vez que a información está seleccionada debemos ofrecela de maneira organizada, porque isto axudará tamén a que lle sexa máis fácil ao oínte non perderse e asimilar o que se di. Para conseguilo debemos seguir os seguintes pasos:

  • 1. Facer un bo índice que sirva de guía aos/ás oíntes.
  • 2. Estruturar o tema en tres partes:
    • Inicio (presentación do tema).
    • Corpo (transmisión da  información).
    • Conclusión (resumo das ideas clave).
  • 3. Dependendo da situación e do tipo de texto oral que esteas realizando, podes dividir o corpo en subapartados.
  • 4. Empregar conectadores discursivos, é dicir, palabras que organicen, relacionen e cohesionen as distintas ideas e partes do discurso. Por exemplo:
    • Inicio da intervención: O obxectivo desta exposición é… // Falarei en primeiro lugar de… // De entrada… // Para comezar…
    • Desenvolvemento:
      • Para estruturar as partes do discurso: En primeiro lugar,... // En segundo lugar… // A continuación… // Para seguir… // Finalmente…
      • Para engadir algo: Ademais... // Tamén... // Se sumamos a isto... // Podemos engadir que ... // Quédanos por dicir...
      • Para retomar unha idea: Volvendo ao que viramos ao principio… // Sinalaba que… // Como indiquei anteriormente…
      • Para contrapoñer ideas: Porén... // Non obstante... // A pesar de... // Por unha banda... por outra... // Isto contraponse con... // En contraposición a isto...
      • Para introducir incisos ou exemplos: Por exemplo… // Como é o caso de… // Con relación a isto, lembremos…// É un falar... // Poñamos que...
      • Para resaltar algún aspecto: Fundamentalmente... // Especiamente importante é... // Tamén é
      • de relevancia... // Resaltaremos que...
      • Para establecer relacións lóxicas: En consecuencia,... // Isto demóstranos que… // De aquí dedúcese que… // O resultado final é que…
    • Conclusión da intervención: Tratemos agora un último aspecto… // Resumindo o xa dito… // En resumo…. // Para rematar… // En conclusión...

 

4. Uso correcto da linguaxe: A linguaxe que usemos debe seguir certas pautas para procurar conseguir a maior claridade posible:

  • Transmitir unha idea por frase. As frases deben ser curtas e sinxelas, pois as frases longas con demasiadas explicacións polo medio dificultan a comprensión.
  • Empregar un léxico o máis preciso posible.
  • Restrinxir os retrousos e palabras-comodín. Os retrousos son palabras que se repiten permanentemente na comunicación (Ex: “emm”, ”este”, ”é dicir”, “non?”, ”evidentemente”...). Adoitan ser produto dos nervios pero débense evitar porque os seus efectos son negativos, xa que delatan a inseguridade e a pobreza expresiva de quen fala.
  • Empregar un rexistro lingüístico adecuado, aínda que falemos diante dos compañeiros e compañeiras de clase e esteamos afeitos a empregar a lingua de xeito coloquial, non debemos esquecer que estamos realizando un acto académico e, polo tanto, temos que coidar as formas.


Debemos recordar sempre que o obxectivo principal cando facemos unha exposición oral é que as persoas que nos escoitan entendan e asimilen, de maneira entretida,  o que lles estamos contando, por iso procuraremos ser o máis claros/as posibles na nosa comunicación e para iso fixarémonos en cumprir as regras fundamentais en calquera tipo de texto: coherencia, cohesión, adecuación e corrección.