A comunicación oral: tipos de textos.

 

Non sempre que falamos o facemos na mesma situación nin coa mesma intención, unhas veces estamos coas nosas amizades, outras con persoas descoñecidas, outras na escola presentando un traballo... Dependendo da intención que teñamos cando nos comunicamos verémonos na obriga de adaptar o noso discurso, tanto no referente a como usamos a lingua como no que se refire a outros elementos que afectan á transmisións: aspectos visuais e aspectos vocais.

Así pois, convén saber cales son os tipos de textos orais que se poden producir, en que ocasións teñen lugar e cal é a finalidade de cada un deles para, a continuación, estudarmos cales son os elementos que debemos coidar en cada caso.

 

Tipos de textos orais

Podemos dicir que existen dous tipos básicos de textos orais: os espontáneos e os planificados. Nos primeiros o código verbal emprégase dunha maneira menos regulada mentres que nos segundos o proceso de elaboración está moi próximo ao que se require nun  texto escrito.

Os textos espontáneos:

O tipo de texto máis sinxelo é a conversa. Trátase da interacción máis habitual nas relacións persoais e nel non se segue unha estrutura fixa nin existe tema predeterminado. A regra básica para establecer unha conversa consiste en non falar ata que terminou de facelo o interlocutor e en escoitar atentamente a intervención dos demais para poder continuar falando do tema achegando información nova.

Os textos planificados:

As persoas que os emiten saben con antelación cal é o tema do que van falar, a que tipo de persoas se van dirixir, canto tempo vai durar a súa intervención, con que medios van contar para axudar a súa exposición... e, polo tanto, preparan as súas intervencións tendo en conta todos estes aspectos para procurar que a comunicación sexa o máis efectiva posible.

 

Os textos planificados, segundo o número de persoas que interveñan no acto comunicativo e a intención con que se realice, reciben diferentes nomes:

a) Se só hai un emisor:
  • Conferencia: Unha persoa prepara unha exposición longa para presentala diante dun auditorio colectivo co obxectivo de informalos sobre algún tema (cultural, científico, social...). Para a súa intervención é necesario que prepare o texto de forma escrita e logo debe aprendelo para transmitilo de forma oral. É frecuente que se axude dunha presentación dixital e que conte cun guión que lle permita lembrar a orde dos aspectos que vai tratar.

  • Charla: En realidade é como unha conferencia pero pronunciada diante dun auditorio máis reducido e usando unha linguaxe máis informal.

  • Discurso: É similar a unha conferencia pero a finalidade non é informar senón convencer aos oíntes da idea que se defende, por iso teñen unhas características lingüísticas e unha posta en escena máis directas: ton apelativo, chamadas directas ao auditorio, preguntas retóricas....

  • Monólogo: Trátase dun tipo de texto, utilizado sobre todo coa finalidade de entreter ao público, no que un emisor dialoga consigo mesmo sobre determinados temas. Ás veces diríxese directamente ao público pero este non intervén, por iso non se establece un diálogo. O monólogo pode darse tamén de maneira espontánea (hai persoas que falan consigo mesmas) pero non é o habitual.
b) Se hai máis de un emisor:
  • Debate: Consiste en que varias persoas falan sobre un tema sobre o que teñen diferentes opinións. O obxectivo de cada interveniente é ofrecer argumentos que defendan a súa idea e convencer con eles ás outras persoas participantes. Ademais dos intervenientes é preciso que exista unha persoa que modere, é dicir, que indique quen pode intervir, que evite que unhas persoas participen máis tempo ca outras ou que os participantes saian do tema ou que se produzan interrupcións nas quendas de intervención.

  • Mesa redonda: É un tipo de debate no que as persoas participantes expresan as súas ideas pero sen intención de polemizar senón simplemente para facer un intercambio de impresións.

  • Faladoiro: Trátase dunha reunión periódica e sempre cos mesmos participantes que se xuntan para intercambiar impresións sobre temas variados.

  • Entrevista: É un diálogo, xeralmente preparado previamente, entre dúas persoas no que unha realiza as preguntas e a outra as contesta. A intención deste tipo de texto é facer públicas as opinións do/a entrevistado/a sobre algún tema de actualidade ou relacionado coa súa actividade profesional.

En todos eles, como xa se dixo, ten moitísima importancia a maneira na que a información se transmite,  pero iso estudámolo máis adiante.