astronomía

Iniciación á Astrofotografía




Todos os comezos son difíciles. Para admirar o ceo nocturno non se precisa aparello ningún, abonda con deixarse ir entre as estrelas e ilas coñecendo un pouco máis de cada vez, ata darlles nomes e, pouco a pouco, ilas xuntando en constelacións.

Un día chega o primeiro telescopio, e a palabra lúa toma unha nova dimensión, as estrelas duplícanse, os planetas déixanse ver, hai esluídas nebulosas e todo é novo de vez.

Cos anos un empeza a soñar as cores. Pero o noso ollo non ve as cores do ceo nocturno, e o soño convértese nunha cámara CCD, e aparecen galaxias, nebulosas e ...

Levamos moitos anos e sempre estamos a empezar. Como os comezos non son doados e todo se pon sempre costa arriba, agardamos que o pouco camiño que leva andado a nosa experiencia sirva cando menos para animar e axudar a outros a ir un pouquiño máis alá.




  • 1 Técnicas fotográficas

    Para fotografar as estrelas non son necesarios grandes telescopios nin un material especializado de astrofotografía, abonda cunha cámara (analóxica ou dixital) que poida manter o obturador aberto durante segundos ou minutos e un trespés. Outras técnicas máis elaboradas son a fotografía en paralelo, o método afocal e a fotografía a foco primario.


  • 2 Materiais

    Para a fotografía do ceo profundo o material que cómpre é máis completo e especializado có necesario para facer astrofotografía básica. O seguinte material devén necesario e imprescindible: montura motorizada, telescopio, focador, sistema de autoguiado, cámara CCD e software especializado.


  • 3 Enfoque

    Un dos puntos máis críticos de todo o proceso é o enfoque. Sen un bo enfoque nunca poderemos obter boas fotografías. Para un enfoque preciso é importante dispor dun enfocador acoplado a un motor. Tamén resulta de gran axuda o uso dunha máscara, especialmente da máscara de Bahtinov.


  • 4 Autoguiado

    Cando se pretende facer fotografía de ceo profundo cómpre un sistema de autoguiado, pois por moi boas que sexan a posta en estación e a precisión do seguimento da montura, sempre hai erros que impiden facer longas exposicións. A solución é o autoguiado, que basicamente consiste en que un pequeno telescopio adosado ó telescopio principal vai facendo o seguimento dunha estrela, e calquera variación na posición desa estrela corríxese enviando ordes directamente á montura. O proceso está automatizado e require un ordenador.


  • 5 Toma de imaxes

    Para poder procesar posteriormente as imaxes é necesario en primeiro lugar tirar as tomas de luz, pero tamén son necesarias outras tomas coma os darks, os flats e os bias.

     


  • 6 Procesamento de imaxes

    Para o procesamento de imaxes temos que botar man de programas específicos de tratamento fotográfico, tales como Photoshop, PixelInsight ou MaxIm DL5.


  • 7 Programas de utilidade

    Son moitos os programas de utilidade que podemos atopar no web de balde: Polarfinder, Bahtinov Grabber, PHD Guiding, PixelInsight LE...