Fonemas consonánticos

A gheada é un fenómeno dialectal consistente na evolución de /g/ cara a unha pronuncia aspirada /ћ/, normalmente farínxea. Estas pronuncias aspiradas están documentadas dende finais do século XVIII e son maioritarias na lingua oral-popular de todo o galego coruñés e pontevedrés, así como do occidente de Ourense e Lugo.
É un fenómeno interno xerado dende o galego, a partir da evolución de /g/ en posición feble. A normativa actual permite elixirmos entre a pronuncia velar [g] e a pronuncia farínxea [ћ], sendo ambas correctas. En calquera caso estes fonemas escríbense sempre coa mesma grafía, a letra "g". Se queremos indicar expresamente a utilización da gheada nalgunha palabra ou expresión podemos utilizar o dígrafo "gh".
O seseo consiste na non diferenciación do fonema /θ/ e a súa realización como /s/. No galego actual conviven co sistema non seseante diversos sistemas seseantes. A normativa actual permite o uso do seseo para aqueles falantes que así o elixan.
O seseo pode ser implosivo ou explosivo. O seseo implosivo dáse en posición final de sílaba (pas, des, rapas) e o seseo explosivo dáse en posición inicial de sílaba (sinco, faser, sero).
Falamos de seseo parcial cando só se dá o seseo implosivo, e de seseo total cando o seseo é implosivo e explosivo asemade. O seseo total é un fenómeno costeiro das provincias da Coruña e Pontevedra. O seseo parcial afecta á zona central da provincia da Coruña e de Pontevedra. A zona non seseante inclúe Lugo, Ourense e a zona oriental das provincias da Coruña e Pontevedra.
As consoantes, ao contrario cás vogais, non poden ser núcleo silábico, sempre van antes (posición prenuclear) ou despois (posición posnuclear) dunha vogal para formar unha sílaba.
Para a súa articulación prodúcese algún tipo de obstrución á saída do aire pola boca. Así falamos de modo de articulación oclusivo, fricativo, africado, nasal, lateral, vibrante simple e vibrante múltiple.
Cómpre ter en conta, tamén, o lugar onde se produce o fonema (punto de articulación): bilabial, labiodental, linguodental, interdental, alveolar, palatal, velar, farínxeo.
Non todas as consoantes fan vibrar na súa articulación as cordas vocálicas e iso diferencia consoantes sonoras e xordas.
Os fonemas consonánticos poden ser realizados de modos diferentes, isto é, presentar diversos alófonos que dependen da posición das consoantes na cadea falada. Por exemplo, os fonemas /b/, /d/ e /g/ teñen dúas realizacións básicas: [b], [d] e [g] como oclusivos en posición inicial absoluta, tras pausa e tras o arquifonema /N/ (tamén tras /L/ no caso do / d/); ou como aproximantes (fricativas) [β] , [ ð ] e [ ɰ ] nos demais contextos fonéticos.
Os fonemas consonánticos poden (como as vogais) neutralizarse en determinadas posicións. Así, un exemplo moi ilustrativo é o dos fonemas nasais /m/, /n/, / ɲ / e / ŋ / que se neutralizan en posición implosiva. O arquifonema resultante (/N/) realizarase de modos diferentes segundo os contextos fonéticos.